Benvid@s a Auladiver, o blog de Pedagoxía Terapéutica do CEIP A Rúa (Cangas), un espazo aberto e dinámico que aposta polo valor da diversidade.

jueves, 14 de abril de 2011

CONECTANDO MUNDOS

No segundo trimestre, os cursos de 5º e 6º estivemos participando nunha actividade promovida por Intermón Oxfam, chamada Conectando Mundos. Un mundo cambiante, un puzzle en construcción.

Laura e Nico cóntanolo así:

Os nenos e nenas de 6º curso fixemos un xogo de mesa baseado na Identidade, na Participación, na Xustiza e na Diversidade, coa colaboración de Conectando Mundos, unha proposta de Intermón Oxfam , que é unha ONG (Organización Non Gubernamental). Nesta actividade tamén participaron colexios de distintas partes do mundo.

Na primeira fase eliximos na clase un nome para o xogo, cada un de nós propuxo un e despois votamos o que máis nos gustaba: DIVERMULTIMIX. Escollimos tamén tres probas das propostas por Conectando Mundos: Mímica, Acción e Pasapalabra.



Na segunda fase votamos os nomes propostos polos outros colexios do noso equipo e... ¡Gañou o noso! E tamén tiveron máis votos as probas elixidas por nós, así que comezamos a pensar na elaboración de cada unha delas.

Na terceira fase tivemos que construír todo o xogo: o taboleiro con tarxetas plastificadas; con plastilina as fichas, os dados, as casas, os rañaceos e as obras públicas; e con cartulina os camiños, as tarxetas das probas e as das obras públicas.


Escribimos as normas do xogo e fixemos tamén unha caixa para gardalo.Para elixir a portada houbo outra votación:


Para rematar, tivemos que xogar unha partida ao DIVERTIMULTIMIX.



A nós pareceunos moi divertido e moi interesante participar con nenos e nenas doutros coles e doutros países. Gustounos moito elaborar o xogo.

Agora que xa está rematado donarémolo á Biblioteca para que todos e todas poidan pasalo moi ben xogando con el.

Podedes ver o traballo de 5º no seu blog: Rizando o rizo

miércoles, 2 de marzo de 2011

De Infantil á ESO

Dentro das actividades de convivencia intercentros que vimos realizando neste curso, tivemos a oportunidade de visitar o IES de Rodeira.

Nesta ocasión, foron os/as alumnos/as de Infantil de 5 anos os que puideron compartir co alumnado de 1º da ESO (que está a facer un traballo sobre os monumentos de Cangas) o proxecto que desenvolveron durante o primeiro trimestre sobre a escultura de Manuel Coia "O Galeón", tamén coñecido como "A Serea".

Os pequenos fixeron unha exposición acompañada de fotografías e dos traballos que elaboraron en diversos soportes durante a investigación e as tarefas que levaron a cabo. Nun segundo momento, os maiores plantearon cuestións aos pequenos sobre o desenvolvemento de todo o proceso. Finalmente, tivo lugar unha actividade común de modelado da Serea en plastilina e todos/as puidemos ver o resultado exposto na Biblioteca do Instituto.

Antes de despedirnos, agasalláronnos con lambetadas e nós deixámoslles un dos nosos debuxos da Serea. O remate da saída foi unha merenda no centro de Cangas, xusto enfrente do Galeón.

Foi unha actividade moi entretida e aprendemos todos/as moito. Dende aquí queremos dar as grazas ao profesorado e ao alumnado do IES de Rodeira pola súa acollida e atención, e a nosa noraboa aos alumnos e alumnas de 5 anos e ás súas profes por un traballo tan ben feito.


Aí van unhas imaxes:



viernes, 11 de febrero de 2011

O mapa dos Dereitos Humanos

Recapitulando todas as actividades que fixemos en torno aos Dereitos Humanos e aos Dereitos dos Nenos e Nenas, realizamos un traballo final a modo de conclusión: O mapa dos Dereitos Humanos.
Traballamos en pequenos grupos. A primeira parte consistíu en imaxinar que tiñamos a posibilidade de crear e habitar un novo país e, para iso, foi necesario consensuar os dereitos que ían ter os seus poboadores. Cada membro do grupo propuxo tres dereitos e chegou a un acordo sobre 10 dereitos fundamentais.
Nun segundo momento puxemos en común as propostas de cada grupo e decidimos entre todos os nosos Dereitos Humanos. Lóxicamente, coincidían na súa maior parte cos recoñecidos internacionalmente, como comprobamos despois de traballalos.
Para rematar, cada grupo elaborou un mapa do seu novo país, coa consigna principal de representar os símbolos dos dereitos que defendían dentro do mapa, e as cousas negativas que deberían desaparecer fóra do mapa.
Tras unha autoavaliación de todo o traballo realizado e algún tempo extra para rematalos, fixemos unha pequena exposición dos mapas no corredor do cole.

Estela, Ruth e Diego, resumen a última parte:

En Cidadanía, o pasado venres 28 de xaneiro fixemos un traballo do país dos Dereitos Humanos. Tiñamos que facer un mapa poñendo as cousas que eran boas dentro e as malas fóra. Puxemos os nosos nomes por detrás e na parte de diante o nome do país: "Mapa de...", os debuxos de dentro e de fóra, e despois coloreamos todo. Máis tarde vimos os debuxos de todos os grupos e valoramos se seguiron as instruccións, cal tiña máis cousas dentro e fóra, e que nota se poñía cada grupo a si mesmo e aos demais.

lunes, 31 de enero de 2011

As 1000 grúas da Paz

En Educación para a Cidadanía continuamos traballando os Dereitos Humanos e, ligado á celebración do Día da Paz, tivemos a oportunidade de realizar outra actividade de convivencia cos alumnos e alumnas do IES de Rodeira, neste caso de 4º da ESO.


Primeiro contáronnos a historia de Sadako Sasaki, unha nena xaponesa que morreu de leucemia en 1955, un dos efectos secundarios da bomba atómica lanzada sobre Hiroshima dez anos antes. E despois, ensináronnos a facer grúas de papiroflexia que penduramos na clase como símbolo de paz e convivencia.


Para Felipe e Lía foi así:

O día 21 de xaneiro viñeron os de 4º da ESO de Rodeira a contarnos un conto e a ensinarnos a facer grúas de papel para celebrar o día da Paz, o 30 de xaneiro.
O conto chámase "Sadako e as mil grúas de papel". Sadako foi unha nena que tivo unha enfermidade moi grave despois de cair a bomba en Xapón. Cando estaba no hospital, unha amiga contoulle unha lenda que dicía que a quen fixera 1.000 grúas de papel concedíanlle un desexo. Ela comezou a facer grúas para salvarse, pero morreu cando levaba 600 máis ou menos. Os seus amigos fixeron as que faltaban e enterrárona con elas.
Despois de contarnos a historia, os do instituto repartíronse entre nosas mesas, déronnos papeliños pequenos de cores e fixemos as grúas. Gustounos moito esta actividade e temos moitas ganas de que volvan pronto con outra.





Foi unha actividade moi interesante e divertida. Ademais, deixáronnos o libro de Sadako, que estamos a ler na hora de ler dos mércores.




Moitas grazas a estes alumnos e alumnas de 4º da ESO e ás súas profes e... ata pronto!

lunes, 13 de diciembre de 2010

Da ESO a Primaria: convivindo con Usha


Usha é o título dun libro da autora galega María Reimóndez. Conta as vivencias dunha nena galega na India, a onde viaxa acompañando a súa nai, que traballa nunha ONG.

Esta foi a historia elixida para iniciar o Apadriñamento Lector. Dende o mes de novembro, na hora de ler dos mércores e dos venres, estiven léndolles este libro en voz alta aos alumnos/as de 6º, como parte do proceso de preparación da experiencia do Apadriñamento Lector, na que eles converteranse en padriños e madriñas lectoras dos nenos e nenas de 1º. No blog de Aprendizaxe en Grupos Cooperativos atoparedes máis información.

Pero ademais da lectura, tivemos a sorte de contar cuns "padriños" e "madriñas" de excepción. Once alumnos/as de 2º de ESO do Instituto de Rodeira (algúns deles ex-alumnos/as do cole) prepararon, de xeito voluntario, unha exposición sobre o traballo que fixeron a partires de USHA o pasado curso, e viñeron ao cole a compartila connosco. Explicáronnos toda a información que podemos atopar nun libro antes de abrilo, amosáronnos os coñecementos que adquiriron sobre a cultura e os costumes da India e o significado de palabras coma bindi, sari, árbore neem... que xa nos chamaran a atención durante a lectura, e trouxeron tamén fotos e imaxes da fantástica exposición que fixeron no Instituto. Foi moi interesante como podedes ver:



E como remate da súa visita, apadriñaron e amadriñaron simbólicamente aos alumnos e alumnas de 6º, xa que leron en voz alta tres capítulos máis do libro, primeiro en pequenos grupos e despois para toda a clase. Foi unha bonita experiencia:




Nico e Uxía o describen así:

O venres 26 de novembro viñeron uns nenos e nenas do instituto a falarnos dun libro, chamado Usha, que lles gustou moito e que tamén o estamos lendo nós para unha actividade de Apadriñamento Lector cos de 1º.
Aparte de ensinarnos o que significan algunhas palabras do libro, vimos fotos de como poñían o sari, que é unha roupa tradicional da India e léronnos unhs capítulos do libro, que tamén nos encantou.
Ao rematar regaláronnos uns marcapáxinas e unhas pegatinas para poñer nos libros.

Tanto eu, dende Auladiver, como o alumnado de 6º queremos agradecer a estes alumnos e alumnas de 2º da ESO, a súa colaboración, o seu esforzo e o seu interese por facer unha exposición clara e amena, e tamén ás súas profes Isabel e Pilar que os axudaron e acompañaron. E lembrámoslles que están invitados a volver para amosarnos o seu traballo cando queiran.

Moitas grazas!!!

miércoles, 8 de diciembre de 2010

A Gimcana da cor

Continuamos traballando os Dereitos Humanos. A actividade baséase na Gran Proba das Cores dos Materiais para a Educación en Dereitos Humanos de Amnistía Internacional, e pretende que tomen conciencia da diferenza de oportunidades que existe entre as persoas.

Os grupos xa os tiñamos feitos dende a sesión anterior: amarelo, blanco e verde, con 7 ou 8 alumnos/as por equipo. Propoñemos tres probas a cada grupo: unha moi sinxela, outra que se consegue tras moito esforzo e outra imposible de acadar. Cada grupo debe experimentar ao longo do xogo as tres situacións, por iso as probas se distribúen tendo en conta esta premisa.

O máis interesante, coma sempre, foi a posta en común final, onde todos/as expresaron os seus sentimentos e as súas dificultades en cada unha das probas, verbalizando a inxustiza á que se ven sometidas moitas persoas en todo o mundo. De aí chegamos a necesidade de seguir celebrando o Día dos Dereitos Humanos, porque desgraciadamente, todavía non se cumplen en todos os países.

As probas, impresas en papel da cor correspondente a cada grupo, foron:




Miguel e Saúl o contan así:

O venres 19 de novembro fixemos uns xogos para saber que hai xente que o ten máis fácil e para ver como se sinte.
A primeira proba consistía en buscar no dicionario unhas palabras, un dos equipos so tiña duas fileiras de catro palabras, outro equipo tiña catro fileiras, e o terceiro dúas fileiras de palabras que non existían.
A segunda proba consistía nunha adiviña, unha era moi sinxela, outra difícil e a última imposible.

A terceira proba consistía en facer co corpo unha representación do que che poñía nunha tarxeta e, igual que antes, había unha fácil, outra difícil e outra imposible.
Así démonos conta do mal que te sintes cando non tes as mesmas oportunidades que os outros ou cando o tes máis fácil.


Nos vídeos podedes ver a terceira proba dos tres grupos:

"Alguén perde o autobús e vai correndo detrás"



"Manifestación silenciosa na superficie de Xúpiter"



"O interior dun caixón de calcetíns dobrados"



Fixérono de medo, ¿verdade?

lunes, 6 de diciembre de 2010

Receita Terrorífica

No cole estamos preparando un calendario relacionado co tema núcleo: A alimentación.

Como en Auladiver tiñamos que facer o mes de outubro, aproveitamos para preparar unha receita de Samaín e Haloween con alimentos sans e variados: froitas, verduras, lácteos, pan, froitos secos... e un pouquiño de doce.

Queredes ver como nos saiu? Pois aí vai. Bo proveito!!!