Benvid@s a Auladiver, o blog de Pedagoxía Terapéutica do CEIP A Rúa (Cangas), un espazo aberto e dinámico que aposta polo valor da diversidade.

lunes, 13 de diciembre de 2010

Da ESO a Primaria: convivindo con Usha


Usha é o título dun libro da autora galega María Reimóndez. Conta as vivencias dunha nena galega na India, a onde viaxa acompañando a súa nai, que traballa nunha ONG.

Esta foi a historia elixida para iniciar o Apadriñamento Lector. Dende o mes de novembro, na hora de ler dos mércores e dos venres, estiven léndolles este libro en voz alta aos alumnos/as de 6º, como parte do proceso de preparación da experiencia do Apadriñamento Lector, na que eles converteranse en padriños e madriñas lectoras dos nenos e nenas de 1º. No blog de Aprendizaxe en Grupos Cooperativos atoparedes máis información.

Pero ademais da lectura, tivemos a sorte de contar cuns "padriños" e "madriñas" de excepción. Once alumnos/as de 2º de ESO do Instituto de Rodeira (algúns deles ex-alumnos/as do cole) prepararon, de xeito voluntario, unha exposición sobre o traballo que fixeron a partires de USHA o pasado curso, e viñeron ao cole a compartila connosco. Explicáronnos toda a información que podemos atopar nun libro antes de abrilo, amosáronnos os coñecementos que adquiriron sobre a cultura e os costumes da India e o significado de palabras coma bindi, sari, árbore neem... que xa nos chamaran a atención durante a lectura, e trouxeron tamén fotos e imaxes da fantástica exposición que fixeron no Instituto. Foi moi interesante como podedes ver:



E como remate da súa visita, apadriñaron e amadriñaron simbólicamente aos alumnos e alumnas de 6º, xa que leron en voz alta tres capítulos máis do libro, primeiro en pequenos grupos e despois para toda a clase. Foi unha bonita experiencia:




Nico e Uxía o describen así:

O venres 26 de novembro viñeron uns nenos e nenas do instituto a falarnos dun libro, chamado Usha, que lles gustou moito e que tamén o estamos lendo nós para unha actividade de Apadriñamento Lector cos de 1º.
Aparte de ensinarnos o que significan algunhas palabras do libro, vimos fotos de como poñían o sari, que é unha roupa tradicional da India e léronnos unhs capítulos do libro, que tamén nos encantou.
Ao rematar regaláronnos uns marcapáxinas e unhas pegatinas para poñer nos libros.

Tanto eu, dende Auladiver, como o alumnado de 6º queremos agradecer a estes alumnos e alumnas de 2º da ESO, a súa colaboración, o seu esforzo e o seu interese por facer unha exposición clara e amena, e tamén ás súas profes Isabel e Pilar que os axudaron e acompañaron. E lembrámoslles que están invitados a volver para amosarnos o seu traballo cando queiran.

Moitas grazas!!!

2 comentarios:

  1. Unha experiencia moi enriquecedora. Unha boa maneira de fomentar a lectura.
    Noraboa a todos/as

    ResponderEliminar
  2. Que ben nos acollen sempre no cole da Rúa! Aquí apostamos por seguir con este tipo de encontros nos que aprendemos todos e todas, eu a primerira. O alumnado sempre me sorprende positivamente coa súa resposta. Da gusto ver como se escoitan, interactúan, comparten, conviven. Usha xa forma parte da memoria colectiva deste grupo.

    ResponderEliminar